O común dos mortais saben que en Galicia existen catro tipos de queixo: Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro. Están no certo se falamos de queixos con denominación de orixe, pero en realidade en Galicia hai moitos máis: requeixo (un queixo fresco con dúas tipoloxías ben definidas na nosa terra), queixos de ovella de gran calidade coma os do Rexo (Allariz), queixos de cabra elaborados de maneira moi minoritaria nalgunhas zonas de Ourense e queixos “do país” que, sen estar acollidos a ningunha D.O. ofrecen unha calidade extraordinaria. Deles falaremos noutro momento, agora imos coas D.O.

No supermercado, que é onde merca a inmensa maioría da poboación, atoparemos, entre os queixos de Arzúa-Ulloa a variedade máis tenra, é dicir, queixos que se poden comercializar con so seis días de maduración. Raro é atopar o queixo curado, tamén chamado da nabiza, que debe ter polo menos unha curación de catro meses, inda que me parece lembrar que hai algún tempo que o presidente da D.O. me comentara que ían modificar o regulamento para esixir polo menos seis meses. Lee el resto de esta entrada »