Diario del Gourmet de Provincias y el Perro Gastrónomo do colega e amigo Jorge Guitián é o novo gañador do Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, na categoría de páxinas web. Un éxito de Jorge que tódolos blogastrónomos gozamos coma se fora propio.

O premio gordo, por aquilo da dotación (4.000 euros) foi desta vez para Asturias. O premiado foi o artigo “Cunqueiro y los cocidos”, publicado por José Ignacio Gracia Noriega en La Nueva España.

Na categoría de libros o premio foi para “50 recetas con filloas”, obra colectiva publicada por Alvarellos.

Finalmente un programa de Dez TV levou o premio na categoría de radio e televisión.

Eu quedeime composto e sen premio. Por terceiro ano consecutivo presentei a miña colaboración semanal en El Progreso (en 2007 foron arredor de 40 artigos, xa que no verán descansei), pero nada.

Parabéns a tódolos premiados, e ración dobre para Guitián “porque es un chico excelente...”

Pois aclarouse a dúbida que consumía o país. Rexeitada polo conselleiro de Medio Ambiente, a primeira lamprea collida este ano no río Ulla acabou nos pratos de Manolo Gago e no meu propio, que a ceamos onte en compaña de Pep Palau e Nati Palomo, ambos da organización do Forum Gastronómico Santiago’08, así como con Cristina Codesido, conselleira delegada de Las Añadas (Pontevedra) e Marco Sóñora, xerente de Destilerías Compostela.

A chegada ao restaurante Olivo, de Pontecesures, que convidaba á degustación, foi apoteósica, coa relacións públicas e propietaria do restaurante, Mari Carmen, e a alcaldesa da localidade, Maribel Castro, constituídas en comité de benvida. Sorprendente a vitalidade e a simpatía da alcaldesa e a capacidade e o interese que demostra para vender o seu concello e os seus produtos. Despois da benvida, rolda de prensa, por sorpresa, cos corresponsais de varios xornais na vila, sesión de fotos e… á mesa.

A lamprea foi precedida por un aperitivo de terrina de cogomelos con zamburiñas e piñóns, seguida dun tartar de salmón con brochetas de polbo (estupendo o tartar e estupendo o polbo, cortado finísimo no sentido lonxitudinal dos raxos). Despois unha mariposa de vieira con camaróns salteados (espectacular a vieira, nunca pensei que has houbera tan grandes). No intermedio un sorbete de limón caseiro con augardente de herbas que me gustou moito e a continuación a gran estrela da noite: a lamprea do Ulla co arroz e tostóns de pan.

Impresionante a lamprea e tamén impresionante o arroz. A lamprea estaba guisado “á atlántica”, como a definiu o propietario e chef de Olivo, Luís Baleirón, con máis de dúas décadas de experiencia culinaria en Suíza. É dicir, basicamente tratábase da tradicional lamprea á bordelesa pero alixeirada e cociñada cun branco das Rías Baixas no canto do tinto habitual. Posiblemente foi a mellor lamprea que comín na miña vida, apreciación á que axuda a sutil presenza da canela no prebe do guiso. Eu debo ter algo de espírito medieval, xa que a canela sempre me acaba convencendo.

Tal como prometerán o cociñeiro, a súa dona e a alcaldesa, a lamprea del Olivo é perfectamente válida para unha cea, sen provocar ningunha sensación de empacho ou fartura excesiva, como sucede outras veces.

Sen dúbida os amantes da lamprea teñen un novo lugar de cita ao que non poden faltar.

A cea foi acompañada cun Martin Códax Pe Redondo ata que chegou a lamprea, coa que se serviu un Torroxal Tinto, da denominación de orixe Rías Baixas como no caso do branco.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura