Nalgunha ocasión lin algo sobre o Sus myriapoda, algo así coma o porco milpés, pero non son capaz de atopar onde. Cunqueiriano como son as mans fóronseme primeiramente ás obras de Álvaro Cunqueiro, que levo algún tempo revisando sen dar coa pista. Non atopo a referencia nin nos seus libros nin na infinidade de artigos xornalísticos que publicou en xornais e revistas galegos e do resto de España, unhas veces en galego e outras en castelán.

Ante un animal tan imaxinario, o lóxico era pensar en Cunqueiro como fonte da información, pero xa penso que non saiu del. Mirei tamén a obra de Julio Camba, e moi especialmente un libriño de artigos xornalísticos titulado “Etc. etc.” no que entre outras cousas fala de cando probou en Londres os ovos de pingüín e anoxou as sardiñas por longo tempo, xa que era a sardiña ao que sabían ditos ovos. Tamén fallei na pescuda. Xa sei que é máis raro atopar en Julio Camba información sobre seres mitolóxicos, pero lembro perfectamente que o asunto tiña un claro contido culinario e falábase do porco milpés como paradigma do mellor animal doméstico posible, capaz de deixarnos en herdanza unha longa colleita de saborosos xamóns.

Agora ando cavilando en si puiden escoitar o asunto de boca de Eugenio Domingo, escritor e gastrónomo coma seu irmán Xabier, o máis coñecido dos dous. Houbo un tempo en que escoitaba cada semana a Eugenio Domingo na radio, en Radio Nacional de España, que entón era a única que se sintonizaba no Valadouro, falar de gastronomía, cociña e historias fantásticas, moitas delas tiradas dos textos de Cunqueiro e Josep Pla. Igual foi a Eugenio Domingo a quen lle escoite falar do Sus myriapoda naqueles tempos de adolescencia, nos que xa me interesaban a fantasía e a cociña, inda que non de forma pública como na actualidade.

Ven todo isto a conto porque na cea de Noiteboa me contaron que aparecera na biblioteca dun mosteiro do norte de Portugal (de momento resérvome o nome, a ver se poido facer miña a exclusiva da noticia) unha copia do “Gallaecia cybarius“, antiquísimo libro atribuído a un tal Petronio, sen máis datos, e no que habería un amplo compendio do saber culinario da antiga Gallaecia, inda que ao parecer tratado de maneira bastante fantástica. Digo que atoparon unha “copia” e non un “exemplar” porque ao parecer se trata diso, dunha copia realizada no século XVII e non dun exemplar do libro orixinal, que non sei de que século sería.

Prometeron poñerme en contacto co responsable do mosteiro (non sei se abade, prior ou que grado ten) e xa non veño chegar o momento de poder confirmar dito achado e tentar ver a copia dese “Gallaecia cybarius”. Agora é cando me pregunto porque demo non me apliquei máis nas clases de latín do bacharelato, xa que o libro está nese idioma.