Despois de buscar en varias librerías compostelás (non nos queda, vendimos o últimos, so queda un exemplar que está reservado… foron as respostas) está mañá conseguín mercar o libro que vai camiño de converterse no gran éxito da tempada: “Vacas”, de Flavio Morganti (Editorial Everest). So lle votei unha ollada por derriba para comprobar que a emoción que me trasladaba o seu autor, Flavio Morganti, nunha conversa o pasado venres está toda no libro. Así que non vou falar da obra sen tela mirado a fondo, e non pensaba escribir este post se non fora pola información que chega da Consellería de Innovación e Industria respecto del e que me provoca algúns interrogantes.

Polo que se ve, a Xunta de Galicia, a través da Consellería, debeu poñer algún diñeiro na edición do libro, xa que na súa propia nota de prensa se presentan como promotores (no titulo ata se poñen de editores). Pero en ningún lugar da obra aparecen os logos da Xunta nin da Consellería, que penso é obrigatorio nas obras que cofinancian. Nin aparecen citados nos agradecementos. ¿Cal é o motivo?. Á miña cabeza mal pensante so ven a posibilidade de que sexa o idioma (o libro está publicado en castelán) o que levou aos responsables da Consellería a non aparecer no mesmo. Acéptanse posibles explicacións.

O caso e que ante o éxito acadado por “Vacas” con cinco galardóns nos premios Gourmand (na fase española), o que seguramente será un record sen precedentes, a Consellería apúntase ao éxito, cousa que me parece ben se efectivamente axudaron a facer unha realidade un libro que está triunfando.