A IV Xuntaza dos Blogastrónomos Galegos, que foi a do aniversario, celebrouse hai xa case dúas semanas no restaurante Allo e Aceite, en Marín, e xa unha boa parte dos meus compañeiros puxeron na rede os seus comentarios mentres eu o ía deixando cada día para mañá.

Pero chegou a hora. Anuncio por adiantado que esta vai ser una “semicrónica” (miren o post anterior) xa que por motivo de traballo tiven que marchar a media comida.

Non probei nin as “fazulas de porco ibérico con castañas á vainilla” nin o “queixo, marmelo e galleta” nin as “torradas ao forno con xeado de vainilla”.

Das catro comidas que levamos celebradas esta foi a máis irregular, con momentos memorabilísimos e outros non tanto.

O mellor da comida chegou ao comezo con As nosas croquetas: choco na súa tinta e bacallau.

Moi boas as de bacallau, pero as de choco na súa titna son, sinxelamente, memorables. A súa presenza na mesa xustifica unha viaxe urxente a Marín e desculpa calquera fallo posterior. Sen dúbida foron as mellores croquetas da miña vida, e non vai ser fácil superalas. Un momento non so memorable, senón divino.

Despois chegaron as Cigalas con boletus. Correctas pero paréceme que pasadas de cocción.

A Cola de lumbrigante asada con seu arroz estaba espléndida, tanto o bicho, un ración abundante, coma o arroz, solto, ao dente, caldoso…

Os problemas chegaron a partir dese momento cos dous pratos servidos ata que me ausentei da mesa.

Primeiro un Xurelo con pisto de cantharellus. Delicioso o pisto e moi bo o xurelo. ¿Cal é, entón, o problema?.

O problema está no manexo do xurelo e a súa presentación. Pódese poñer un xurelo moi pouco feito, case cru, como era o caso, pero hai que traballalo todo o necesario para que non chegue á mesa con sangue, como foi o caso. O problema do prato estivo na presentación.

No seguinte caso a cousa foi diferente. Tratouse duna Pescada con grelos e sopa de cebola. Un prato de novo estupendo… sempre que fuxan da sopa de cebola como do demo.

A pescada era espléndida e estaba nun punto perfecto de cocción, e combinaba cos grelos marabillosamente ben… ata que se mesturaba coa sopa de cebola, que lonxe de engadir nada ao prato o que facía era anular as virtudes dos protagonistas do mesmo. Ademais, no meu caso a boa da sopa tivo efectos certamente destrutivos… case os mesmo que a Yperita.

Salvados os dous problemas, Allo e Aceite é unha boa alternativa na zona de Pontevedra e, con traballo e melloras, está chamado a ser un dos grandes do país. É imposible facer esas croquetas de choco sen ser un cociñeiro excepcional.

Cando vaian alí non deixen de probalas.

.