Vaia por diante que nos meus tempos de estudante a física era para min unha especie de dogma de fe que aceptaba pero non entendía. Co paso do tempo semella que non avancei moito na comprensión dos dogmas de fe, pero cheguei á aceptación de que existen a materia e a antimateria, pero xa me volven tolo, outra vez, os lexisladores europeos, que foron capaces de inventar a “semimateria”.
Andaba eu tan feliz alleo a estes problemas da física cando non se me ocorreu nada mellor que mirar a etiqueta (reminiscencia dos meus tempos de “master” en etiquetado por mor da xa vencida alerxia ao leite do meu fillo) do que Central Lechera Asturiana vende como “Mediterránea” no mesmo andel onde están as manteigas e as margarinas. “A ver de que vai este invento”, pensei.
Vista a etiqueta cheguei á conclusión de que aquilo era unha especie de margarina en cuxa composición entran a manteiga de vaca e o aceite de oliva. Un 24 por cento da primeira e un 7 por cento do segundo. Tamén hai aceites vexetais sen identificar (polo tanto de mala calidade), auga (case o 50 por cento de toda margarina é auga) e aditivos. O resultado é unha crema de untar, branda como a margarina pero máis saborosa… e cun punto de sal xa que tal merquei (haina tamén sen sal).
Pero a etiqueta deixoume unha gran dúbida: ¿saben xa os físicos o que é a “semimateria”?, porque na etiqueta di ben claro: “semimateria grasa”.
“Xa se enleou o etiquetador”, pensei, imaxinando que quixo escribir “materia semigrasa” e saíu o outro. Claro que un produto que contén preto dun 50 por cento de graxa non me parece o máis axeitado para ser denominado como “semigraso”.
E busco e atopo que foi a UE a inventora da “semimateria”. A normativa comunitaria deixa ben claro que a manteiga é un produto elaborado en base a graxa láctea (nada fala de vacas) e en función da cantidade de dita graxa que acompaña á auga e aditivos pode ser: manteiga, manteiga tres cuartos, semimanteiga e materia graxa láctea para untar X%.
As margarinas son emulsionados de materia graxa vexetal e/ou animal cun contido máximo do 3% de graxa láctea. Segundo o contido de graxa pode ser margarina, margarina tres cuartos, semimargarina e materia graxa para untar X%.
Un novo grupo é o das “materias graxas compostas de produtos vexetais, animais ou ambos” no que, seguindo o mesmo esquema da manteiga e a margarina se inclúen a “materia graxa composta”, “Materia graxa composta tres cuartos”, “Semimateria graxa composta” e “Mestura de materias graxas para untar X%”.
Despois de tantas voltas chego á conclusión de que, nesta física, o espazo baleiro é determinante. Debería dicir “Semi materia graxa”. O “semi” non é a “materia”, senón a “materia graxa”. ¡Que alivio!.
Ao final resulta que a semi materia graxa é o mesmo que a semimargarina pero sen poñer límites á presenza de graxa láctea (no caso da margarina é o 3 por cento). O mesmo documento aclara que este produto equivale ao “blandingsprodukt 40” en danés.

