Quen me le habitualmente sabe ben que un dos eixes do meu traballo pasa pola relación entre gastronomía e cultura. Que a cociña e a gastronomía son parte da cultura dun país, dun pobo, non o discute xa ninguén, pero en realidade trátase de ir máis aló, establecer vínculos fortes e permanentes entre gastronomía e literatura, teatro, música, cine…

En Galicia hai moito traballo feito de vello. Quen non o crea pode pasar pola sección de “Poesía” deste blog para descubrir o filón culinario dalgúns dos máis insignes poetas do país, dende Rosalía de Castro ata Manuel María. E o mesmo pasa na prosa, xa que non so Cunqueiro escribiu en Galicia sobre cociña. A lista é moi longa.

Así que nese empeño persoal de ligar ambas cousas, sempre me da unha especial satisfacción calquera acto ou evento no que se produce a unión.

Como por exemplo a recente presentación en Compostela dos viños do Ribeiro, organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe baixo o título de “Encontro entre a máis alta gastronomía e o mellor Viño”. Sen dúbida o protagonista principal do acto foi o viño, o bo viño do Ribeiro, que 31 adegas levaron ata un lugar tan privilexiado como o claustro do hotel monumento San Francisco, nun convento que se di inicialmente fundado polo propio San Francisco de Asís, peregrino en Compostela.

Así que o irmán viño falou no vello Valdeinfernos coa súa mellor fala: aromas, sabores e texturas. Eu, que estaba alí para traballar, so puiden probar o Terra Minei 2006, un monovarietal de treixadura que me deixou impresionado pola potencia dos seus aromas e os xogos de sensacións na boca, do que antes ca min falou, sempre con mestría, Manolo Gago, a cuxos comentarios vos remito. Tamén probei o Saimeirás, que con 91 puntos Parker é un gran viño, inda que os seus aromas non chegase á potencia do Terra Minei.

O segundo protagonista do acto foi o escritor Suso de Toro, que se confesa bebedor de ribeiros. Na quenda de palabras previas á cata, o presidente do Consello Regulador, Luís Anxo Rodríguez, foi moi breve, seguro de que a intervención do escritor ía estar cargada de saber e emocións, tal como foi. Suso deixou claro que o viño é, ademais de bebida e alimento, un feito cultural clave na historia, na de Galicia e na de Europa enteira, e asegurou que o Ribeiro pasará a formar parte desa historia se gaña a batalla da calidade na que está inmerso.

Forum

E xa que falamos de cultura e gastronomía, non quero deixar de destacar a importancia que para ambas vai ter o Forum Gastronómico Santiago’08, no que as máis diversas manifestacións culturais terán unha destacada presenza. O Forum non so vai ser cociña e cociñeiros, senón cultura, con maiúsculas.

O propio Suso de Toro, membro do consello asesor do Forum, defendeu con paixón dende o comezo esa vinculación, que se fará realidade no próximo mes de febreiro. Serán cinco días máxicos.