Polo mundo corren múltiples mitos sobre o polbo e nunca se sabe con certeza cales poden ser reais ou non, inda que un teña tendencia a imaxinar a solución real de tales cuestións.
Un dos que máis graza me fai é aquel que di que para cocer polbo hai que poñer na pota unha pataca e cando esta vai cocida o polbo tamén o está. Eu, que nunca vin a unha pulpeira poñer a pataca na cazola, e teñoas mirado con atención nas San Lucas de Mondoñedo, no San Froilán de Lugo e na Santa Minia de Brión, sempre faigo as mesmas preguntas a quen tal afirma:
¿Coce no mesmo tempo un polbo de quilo que outro de tres?, e ¿Cocen no mesmo tempo unha pataca pequena que outra grande? Ou ¿Tódolas variedades de pataca tardan en cocer o mesmo tempo?, ¿O tipo de auga non inflúe?, ¿E a potencia do lume?, ¿Despois de poñer o polbo na augar fervendo recupera esta o estado de ebulición igual nunha vitrocerámica doméstica, por poñer un exemplo, que cos potentes queimadores de propano das ferias?. Demasiadas variables para dar a máis mínima credibilidade á teoría. Eu, cando cozo polbo, faigo o mesmo que as polbeiras: comprobo o seu estado pinchándoo, so que emprego un espeto mentres as polbeiras o fan co gancho que usas para sacalo da caldeira. Lee el resto de esta entrada »

