Pois foron minutos e xa se confirma que Galicia pasa de sete a nove estrelas Michelín na edición 2008 da guía. Conservan as súas estrelas os sete restaurantes que xa as tiñan (Casa Pardo e Playa Club na Coruña, Casa Marcelo e Toñi Vicente en Santiago, Solla en Poio, A Rexidora en Bentraces e La Taberna de Rotilio en Sanxenxo).

Únense ao club Yayo Daporta (Cambados) e Fogón Retiro da Costiña, de Santa Comba (A Coruña). Non deixa de ser unha sorpresa a rápida ascensión ao olimpo de Yayo mentres no caso do Retiro o galardón é ben merecido xa que levan décadas de traballo e melloras constantes, ata facer un restaurante cun concepto único en Europa.

Polo que respecta ao conxunto de España a cousa queda así:

Seis restaurantes continúan con súas tres estrelas, son: Akelarre, Arzak, Can Fabes, El Bulli, Martín Berasategui e Sant Pau.

Os oito que tiñan dúas conservanas (Tristán, Atrio, El Poblet, Mugaritz, El Celler de Can Roca, La Broche, Santceloni, Zuberoa, La Alquería) e únese ao grupo o Abac, de Barcelona.

E con unha estrela hai 108 restaurantes, dos que 14 son novos. Outros nove perderon a estrela que tiñan, entre eles un galego de Madrid, A Casa d’a Troya. A lista completa pódese consultar xa en Salsa de Chiles.

Fai un par de horas o Gourmet de Provincias anunciaba que Michelín concedía dúas novas estrelas en Galicia. Neste momento os rumores apuntan a Yayo Daporta (Cambados) e o Fogón Retiro da Costiña (Santa Comba). En horas, ou quen sabe se en minutos, desvelarase o segredo.

A verdade é que nesto do comer e o beber o que nos parecen verdades inmutables resultan con certa frecuencia grandes erros, por non empregar o máis contundente termo de falsidades. Tal pasa co consumo de peixe no noso país, tratado este coma un todo no que, en realidade, se pode dar grandes diferenzas.

O habitual é pensar que na costa se come máis peixe, moito máis, que no interior, pensamento que con toda seguridade se debe á proximidade da fonte de recurso á fonte que se pon na mesa. Pero as cousas non sempre son como parecen: non esquezan que o polbo á feira, unha das glorias da nosa cociña tradicional, naceu nas terras do interior, dende as que foi conquistando Galicia paso a paso, ata acabar competindo no litoral coas formas propias desas zonas: guisado ou en caldeirada.

Pois volvendo co consumo de peixe, resulta que aquí estamos os galegos, tan seguros de que ninguén como tanto coma nos (con permiso do xaponeses) e vai e resulta que non somos os primeiros de España, nin os segundos, nin sequera os terceiros: como diría un vendedor de mantas zamoranas, somos nin máis nin menos que os cuartos.

En primeiro lugar da lista de consumidores de peixe españois sitúanse os cántabros, que meten para o corpo nin máis nin menos que 40 quilos de peixe por persoa e ano. No segundo lugar, e aquí ven a sorpresa, están os castelán leoneses: 36,5 quilos/persoa/ano. Hai ata unha pequena vila desta comunidade autónoma que presume de ser a maior consumidora de agullas de España.

O terceiro lugar entre os máis comedorciños de peixe sitúanse os noso veciños de Asturias, con 34,3 quilos anuais, e despois imos os galegos, con 32,7 quilos, iso si, por derriba da media estatal, que queda en 28 quilos por persoa e ano, xa que ningunha das restantes comunidades, con excepción do País Vasco, Navarra e Aragón, superan os 30 quilos. Baleares e Canarias, rodeados por mar, quedan nas últimas posicións, con menos de 19 quilos en cada caso.

Os datos corresponde ao ano 2006 e están tirados dun estudo sobre hábitos de alimentación elaborado por Pereira, unha empresa pesqueira viguesa con barcos sucando tódolos mares do mundo, estudo no que se asegura que do total de peixes e mariscos que se consumen en España, un 20 por cento son conxelados… e non sei se nesta porcentaxe entran todos eses peixes )cazón, peixe espada…) e mariscos (lagostinos, luras…) desconxelados que nos supermercados colocan entre os frescos e que a meirande parte dos compradores mercan como tales, por moito que a letra pequena da tabliña informativa indique “produto desconxelado”.

Tampouco nos indica o estudo se no mesmo teñen en conta o consumo das múltiples presentacións de produtos da pesca elaborados pola industria (croquetas, “palitos” de tal ou cal peixe, etc.) que cada día son máis consumidos nun mundo que anda con presas e pouco tempo para cociñar. ¡Co que me gusta a min unha boa caldeirada feita a lume lento!

Publicado en El Progreso o 10 de novembro de 2007


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura