Vaia día que levo hoxe!. Aparte do traballo intenso, atopei novidades que quero compartir con todos.

Hai uns días Colineta daba en primicia a nova de que Marqués de Vizhoja sacaba ao mercado as “Gotas del Marqués”, que a día de hoxe xa tiveron reflexo nunha boa parte da prensa galega e algúns blogs feitos en Madrid.

A iniciativa sorprendeume e pareceume orixinal, á marxe de que a presentación da mesma fora, na miña opinión, algo chapuceira. Pero miren por onde, hoxe abro “VS, el magazine del vino, la gastronomía y más” que cada mes recibo con El Progreso e atopo que hai outras iniciativas semellantes tan creativas polo menos como as gotas. Unha compañía austríaca, Wenger, saca ao mercado Go Wodka, en forma de tubo como o da pasta de dentes, cousa que me fai lembrar a miña infancia cando se vendía paté no mesmo envase.

Máis orixinal se cabe son os Torres Flavours, pequenos pulverizadores que conteñen Torres 5, Torres 10 e Moscatel Oro.

Sorpresas

O día tamén tivo sorpresa. Encartado nun xornal gratuíto chega ás miñas mans o folleto elaborado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Aínda non puiden lelo e non dubido de que será un folleto ben interesante, pero a portada do mesmo é ben pobre: semella que no mundo non existen máis que lepiotas.

A segunda sorpresa, ben da man dos produtores galegos de conservas de peixe, que son inmensa maioría en España. Anuncia un cataclismo no sector se a UE elimina os aranceis que se aplican ás conservas asiáticas, de menor prezo que as galegas, e din que se menor calidade e menos controladas sanitariamente. Xustifican o seu baixo prezo na man de obra (literalmente din que un traballador galego custa o mesmo que 23 tailandeses). O curioso é a maneira de loitar contra o baixo prezo de Tailandia (primeiro produtor mundial, despois vai Galicia): anuncian un próxima subida das nosas conservas de atún nun 20 por cento, o que agrandará máis aínda a diferenza entre unhas e outras.

A terceira sorpresa do día é unha entrevista co presidente do consello regulador do queixo de Arzúa-Ulloa que publica El Correo Gallego e na que se bota en falta un mínimo labor de documentación da xornalista que vai levar a algúns lectores a pensar que agora Arzúa-Ulloa ampara algo máis que queixos. Ata hai unha foto na que se di que o presidente amosa algúns produtos da D.O. cando o que ten nas mans son uns tarros que supoño é o iogur ecolóxico que elabora na súa explotación. Se D.O., claro está. Podedes acceder á entrevista e as informacións sobre as conservas a través do meu clip en Bloglines.