Desculpen se molesto. Hai quen me coñece pola afección a escribir unha e outra vez sobre os pementos de Padrón, que resultan non ser de Padrón senón da “variedade Padrón”, cousa que sempre nos ocultan.
Temo que xa van tamén a sinalarme coma o dos amorodos, que tamén dou a vara con eles.
O caso é que o venres volvín atopar amorodos no mercado (a pranta de amorodos silvestres que teño no xardín segue producindo), pero neste caso non eran galegos coma os da última vez, senón procedentes de Segovia.
Dúas diferenzas fundamentais entre uns e outros. Os galegos que merquei na Praza de Abastos de Santiago chegaron alí a granel, na cesta dunha desas mulleres que cada día levan a Compostela o froito das súas hortas: tres euros o quilo hai un par de semanas.
Os segovianos chegaron a min en barquetas de plástico de medio quilo, perfectamente envasados e etiquetados: tres euros e noventa céntimos o medio quilo, é dicir, máis do dobre.
Aquí seguimos a facer o parvo.

