Cogomelos, polbo, marisco e algas, cociña de Entroido e lamprea serán os eixos temáticos dos próximos cinco meses da campaña de desestacionalización turística de Santiago de Compostela, baixo o lema “Santiago de Compostela, repetirás”.
De novembro a marzo un máximo de 30 restaurantes composteláns ofrecerán menús temáticos sobre os cinco produtos indicados a razón de un por mes: os cogomelos en novembro, o polbo en decembro, os mariscos e as algas en xaneiro, a cociña de Entroido en febreiro e a lamprea en marzo.
Paralelamente nas fins de semana dos cinco meses haberá diversas actividades relacionadas con cada un dos produtos: talleres de cociña a cargo de cociñeiros galegos de primeira fila, excursións a zonas de produción do protagonista do mes, exposicións… que estarán abertas tanto ao público compostelán como ao procedente do resto de Galicia e de España, xa que hai ofertas especiais nunha trintena de hoteis, así como paquetes de voo máis hotel.





