Septiembre 18th, 2007Marcelo forever
A Tuna Compostela xa ten motivo para cambiar o estribillo dunha das súas cancións máis coñecidas, aquela que asegura que “triste y sola se queda Fonseca”.
Porque triste e sola queda Fonseca, a rúa das Hortas, Compostela todo e cantos neste país amamos o bo comer, o bo beber e, por derriba de todo, a amizade sincera. Quedamos tristes e solos porque Marcelo Tejedor, o cociñeiro de referencia na Galicia actual, pecha o seu restaurante. Xa sei que so serán seis meses, e que nese tempo haberá, seguro, a posibilidade de degustar a cociña de Marcelo nalgún outro lugar, pero serán seis meses sen Casa Marcelo, unha das iconas da gastronomía galega actual.
É indubidable que moitos, moitísimos galegos non saben quen é Marcelo Tejedor nin se van preocupar polo peche. O seu número será máis ou menos igual ao do que non lles interesa o mundo da gastronomía. Non é menos certo que do resto, moitos, moitísimos, nunca tiveron a sorte de comer ou cear en Casa Marcelo, que por moito que leve cae unha década aberta so ten capacidade para 30 comensais e os días de apertura son poucos cada semana. Pero tamén é unha realidade que fora de Galicia se un pregunta por un cociñeiro galego nove de cada dez comensais dirán: Marcelo Tejedor.
Poucos dos que pasaran por Casa Marcelo quedaron indiferentes á súa proposta. Unha cociña sinxela, limpa, sen complicacións innecesarias pero plena de sabores, texturas e aromas, froito do permanente traballo de Marcelo e o seu equipo na busca de novas propostas, moitas das cales foron xa clonadas noutros restaurantes do país.
En Casa Marcelo estrélanse os que non está dispostos a comer o que lles manden, que alí non hai carta e o menú é único para os 30 comensais que acolle en cada comida ou cea, e aqueles que non saben saír do bisté con patacas. Os demais gozan intensamente da experiencia.
E se non que llo digan ao Chef Kumalé, xornalista gastronómico italiano afeito a pasar polos mellores restaurantes do mundo, ao que acompañei o pasado mes de xullo nunha cea en Casa Marcelo: “é un mestre, un xenio” dicía despois de cada bocado.
Quedamos, por un tempo, sen Casa Marcelo. Pero o xenio segue. Marcelo for ever.
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico


18 Septiembre 2007 a las 22:37
Vaia lamentábel sorpresa que me acabo de levar!
Agardemos que Marcelo volva o máis de contado posibel porque somos moitos os que admiramos o seu traballo.
30 Septiembre 2007 a las 10:24
“que fora de Galicia se un pregunta por un cociñeiro galego nove de cada dez comensais dirán: Marcelo Tejedor”,pode que grazas á publicidade e marketing esto sexa ou semelle verdade, pero sen dúbida a gran referencia segue a ser Toñi Vicente e apuntaría a outros cociñeiros antes que a Marcelo. A miña experiencia é que posto que ofreces un menú único este debe ser non moi bo, debe ser excepcional sempre. Non se pode baixar o nivel nin permitir certos despistes. Hoxe en día hai moita competencia e un non se pode deixar levar polo nome e o bombo que certos restaurantes se dan, cando non cumpren coas espectativas. Creo que na parte comercial Marcelo é un mestre, esto é indescutibel, pero o importante é dar de comer e preocuparse máis pola comida e o restaurante que polo propio ego. Menos arribismo e mais obxetividade
30 Septiembre 2007 a las 10:46
Cando escribo que fora de Galicia os máis coñecido é hoxe Marcelo Tejedor non digo que sexa o mellor, como ledesma parece interpretar. Non vou entrar en quen é mellor ou peor, que cando se trata de gustos persoais é imposible de medir.
Respecto a esa petición final de obxectividade, lamento dicirlle que non, aquí non hai nin ten porque haber obxectividade. Esta é unha páxina persoal onde expreso as miñas opinións con total libertade porque non teño que reder contas ante ningún director nin editor. Esta é a miña opinión e punto, pódese compartir ou discutir, que para eso están abertos os comentarios a todo o mundo.
Como xornalista ademáis direiche que iso da obxectividade é un conto co que moitos tentan enganar ao lector. Dende o momento en que unha persoa decide se unha noticia se publica ou non e que tratamento se lle da, a noticia está xa suixeita a un proceso de total subxectividade. Así que lamento dicir que coa obxectividade pásame como cos reis magos, que xa non creo. Supoño que o mesmo que todo aquel que leve nesto do xornalismo preto de trinta anos.
1 Octubre 2007 a las 19:36
Seguindo o teu velado consello, Miguel, fixemos por ir ó Marcelo antes do peche, e a verdade é que pagou a pena… Foi toda unha experiencia, sen dúbida. Quizáis era un deses días nos que un está aberto a todo, pero a verdade é que facía moito tempo que non disfrutaba tanto nunha comida… E iso, que ver ó cociñeiro pendente de cada xesto ou comentario que fas cada vez que probas un prato mete un pouco de presión…
4 Octubre 2007 a las 16:37
Qué susto levei. Oxalá que sexan só seis meses. Eu, de momento, podo dicir que é o restaurante onde mellor comín en moitísimo tempo, e se non recordo nada mellor de antes, por algo será. Impresionoume a súa cociña e, contestando ó que din por aí arriba, pareceume tremendamente amable explicándonos todo o que lle preguntabamos arredor dos platos, pero sen ser nunca pesado.
Saúde e noraboa polo bló.