Estou cabreado, así que ninguén agarde moitas risas. Vexo no telexornal e nos xornais que un ano máis se celebra a tomatina na que 40.000 persoas lanzan uns contra outros 150.000 quilos de tomates que finalmente acabarán nos vertedoiros e nos sumidoiros. Pregúntome que pensarán os inmigrantes africanos que recollen eses tomates ante tanto froito estragado por diversión.

Claro que a tomatina non é o único exemplo de “derroche” (“Bienvenido al derroche” di a web oficial desta festa). En Pobla del Duc estragan 20.000 quilos de uvas na festa del raïm e en Benicarló un xamón no concurso de lanzamento de xamóns. En Haro (A Rioxa) son miles de litros de viño os que se estragan. En Galicia tamén temos o noso derroche: cada 16 de agosto miles de litros de auga potable acaban nos sumidoiros da vila na festa da auga que segue á procesión de San Roque.

Xa sei que nin os tomates de Buñol, nin as uvas de Pobla del Duc nin a auga de Vilagarcía van acabar coa fame e a sede no mundo, pero pareceme inmoral estragar alimentos por diversión. Quixera saber cantos nenos morreron de fame no mundo nos sesenta minutos que oficialmente dura a tomatina.