Hai tempo que anda a foto polo meu escrito pero sempre aparecía nun momento en que non podía publicala. Hoxe si vai.

Foi a comezos de verán que tiña unhas cereixas de Chantada, das que alí chaman “da onza” e no Valadouro “blancás”, que para min son unha das variedades máis deliciosas que hai desta froita, por moito que a pinta exterior non sexa moi boa, xa que se trata de cereixas que teñen un lado vermello e outro branco (de onde ven o nome) que lles fai parecer que non están maduras. O sabor é delicioso e unha vez cociñadas son unha explosión de sabor na boca. Quen sempre se teña preguntado de onde ven o sabor que teñen os xeados de cereixas que probe a cociñar unhas blancás e dará con el de inmediato.

A receita de hoxe é moi sinxela. Tórase o solombo de porco en rodas delgadas e de inmediato frítese na tixola con aceite ben quente. Volta e volta rápida que se trata de carne moi tenra e que se fai moi rápido. Sálgase e reservase.

Na mesma tixola e co aceite sobrante saltéanse as cereixas, engadindo de seguido unha copiña dun bo vermú (nos andeis dos supermercados hai vermús de tipo tradicional que lle dan mil voltas ao martini e ademais custan a metade ou menos), que deixaremos reducir a lume vivo para de seguido servir a carne coas cereixas, napando co prebe que queda na tixola.

Neste caso derriba da galleta mariñeira presentase una roda de solombo cunha cereixa sen óso e molladiño cun chisco de prebe. Que aproveite.