Que raros son os franceses que din ‘pain’ e ‘fromage’ cando ven se ve que é pan e queixo”. O chiste é vello, pero ven aquí ao pelo, porque ás fabas que ilustran o post de Toñi Vicente véselles de lonxe que son fabas e non outra cousa.

O conto é que a miña admirada Toñi Vicente ten blog na páxina de Yodona, esa revista que edita El Mundo, e na que esta semana prepara, ao seu modo, unha fabada empregando “fabes de Lourenzá”.

A receita, sen dúbida, non será do agrado de ningún asturiano que, fieles á ortodoxia, celosos das súa glorias patrias e, non sei porque, permanentemente cabreados dos galegos, poden acabar desatando un conflito internacional. Falo dos asturianos de Asturias, é dicir, de Navia para aló, cabreados tamén pola rebeldía idiomática e vital dese territorio que vai da ría de Ribadeo á de Navia e que se autorecoñece máis como Occidente, ou Occidente Asturiano que como Asturias en si.

Pero o conto ven sendo que non ven a conto o das “fabes” de Lourenzá, especialmente por parte dunha cociñeira galega, que ben podía empregar a palabra “fabas” e deixarse de mandangas, porque senón un día destes publico eu, iso si, en lingua vernácula, a receita dos frisuelos recheos de pixín con carneirolos e aguillolos, en prebe de andaricas. Prometo poñer, tamén en vernáculo, a tradución; filloas recheas de rape, con berberechos e navallas, en salsa de nécoras. Ye cojonudo.

E xa de paso aproveito para insistir en na apropiación indebida que é esa denominación de “fabas de Lourenzá”, que deberían chamarse “fabas da Mariña”, xa que dos doce ou trece concellos que as producen so un é Lourenzá, os outros chámanse, Mondoñedo, Alfoz, Valadouro, Ribadeo… é dicir, máis da metade das fabas que levan a etiqueta de “Lourenzá” son producidas no resto de concellos da zona. Iso si, sen merma da calidade.