O amigo Makeijan tenta picarme falando de libros e consigue que eu traia aquí este libro integrante da Gran Biblioteca Temática de Galicia, publicada a comezos de ano por La Voz de Galicia e integrada por quince volumes nos que, de forma lixeira, se nos explican os usos es costumes galegos dun pasado recente, con algunhas referencias, poucas, á situación actual.

Poucas veces merco estes coleccionables dos xornais, pero neste caso había algúns tomos que me interesaban, así que me fixen con quince. Acabo de rematar o dedicado a “Xantares, enchentas e larpeiradas. La cultura gastronómica de la mesa gallega” (título esquizofrénico, en galego ata o punto e seguido e despois en castelán) e atopo a sorpresa de que o meu nome está citado nalgunhas páxinas.

Pero a gran sorpresa chega na derradeira que di” Para saber más…” e alí volvo estar, rodeado nin máis nin menos que por Jorge Víctor Sueiro, Fina Casalderrey, Mariano García e Cristino Álvarez (Caius Apicius).

Engordei outro quilo. E un cuarto máis cando volvo atoparme no tomo dedicado a “Canteiros, oleiros e afiadores” grazas ao primeiro libro que publiquei: “Olería tradicional en Galicia”.