Hai dous ou tres meses agasalláronme cunha botelliña de aceite de oliva da denominación de orixe Gata-Hurdes, en Estremadura, elaborado con olivas da variedade manzanilla cacereña. Non ten marca comercial porque procede directamente do consello regulador da D.O.

O aceite durmiu unha tempada na miña cociña ata que decidín abrilo e probalo mollando pan nel, que é a mellor maneira que coñezo de probar un aceite.

¡Que desperdicio deixar pasar o tempo sen probalo!. Un aceite delicioso que, unha vez máis, confirma o que sempre digo: en Estremadura cómese e bébese de medo.

O aceite de Gata-Hurdes é suave, pouco acedo e deliciosamente afroitado: sabe a amoras de maneira tan intensa que pecha un os ollos e non sabe se está na cociña cun anaco de pan con aceite na boca ou ao pe dunha silveira degustando os seus froitos.

A botelliña so é de un cuarto de litro, polo que teño que ir mirando se o atopo á venda en Galicia para repoñelo cando se acabe.