A tradición dos pinchos e tapas para acompañar ao viño, cervexa e similares nas horas anteriores á comida e á cea ven de vello e constitúe toda unha institución en cidades como Lugo, pero ningún lugar de Galicia é alleo a este costume.

Dun tempo a esta parte, o costume das tapas estase estendendo tamén aos cafés. Lembro o sorprendente que resultaba en Compostela a finais de 1994, cando eu cheguei á cidade, que xunto con café serviran, de balde, unha galleta ou un pasteliño. O primeiro lugar onde atopei este costume foi en Área Central, nun bar chamado Kassem, onde por entón poñían un mini cruasán ou unha mini palmeira de follado, segundo do día ou o humor do propio Kassem, simpático coma poucos con quen lle caía ben e antipático coma ninguén cos que non lle entraban polo ollo. Pasaron arredor de 12 anos e os fillos e viúva de Kassem seguen a poñer os mesmo mini cruasáns, pero as palmeiras desapareceron hai moitos anos.

Hoxe case non queda un bar ou cafetería en Galicia que non poña polo menos unha pequena galleta co café. Pero a cousa parecer que vai a maiores.

Vexan se non a foto onde se pode ver o café que tomei esta semana nun café da rúa da Senra de Santiago de Compostela que se chama como a rúa mesma. Por un euro un café de moi boa calidade acompañado dunha mini caracola e un mini montado de lombo curado. Se un día atopo o lugar onde co café poñan un mini pincho de tortilla, alí me quedo a vivir. Nos meus moitos anos de exilio madrileño aprendín que poucos almorzos mellores hai que un bo café con leite (en Madrid é malo o café e o leite non é mellor), cun pincho de tortilla e un anaco de pan quentiño. Almorzo de funcionario, lle chaman na capital do estado. Os funcionarios galegos almorzan doutra maneira, que lamentablemente nos bares galegos fanse poucas tortillas e menos nas horas do almorzo.

E mentres agardo o mini pincho de tortilla para fixar a miña residencia temporal, lembro unha pequena pastelería-bar do barrio vigués do Calvario, onde cun excelente café con leite e un anaquiño de pastel de produción propia, sempre poñen un chupito de zume de laranxas recién espremidas.