Como prometín nun post anterior, hoxe tócalle a quenda ao xaponés do centro comercial do porto da Coruña.
A meirande parte dos restaurantes exóticos que temos en Galicia non están dotados de toda a profesionalidade que sería desexable nos mesmos… nin do investimento preciso. Moitas veces instálanse nos locais que antes ocuparon bares ou cafeterías, mantendo a súa estrutura, que os fai pouco acolledores. Non é este o caso do Shouri, que ocupa un amplo local na parte alta do cento de ocio, con amplos ventanais con vistas ao porto da Coruña, inda que a paisaxe mariñeira o día que eu o visitei consistía exclusivamente en dous remolcadores.
Direi por adiantado que a visita ao Shouri foi improvisada e con algo de presa. Por motivos de traballo a hora de comida colleume na zona portuaria coruñesa e lembrei o xaponés que levaba tempo querendo visitar. E aproveitei a ocasión.

Unha ollada á carta da entrada permitiume comprobar como, de luns a venres, o restaurante ofrece un menú da casa que me pareceu interesante e, como levaba presa, decidinme por él.
Mentres agardaba pola comida, observei o local, amplo, con zonas separadas por cristaleiras, con moita luz natural, mesas amplas, ben vestidas e montadas con pauciños, garfo e coitelo, de maneira que cadaquén empregue o que lle pete… ou o que saiba manexar.
O primeiro prato chegou rapidamente á mesa: sushi (niguiri e maki) e dous anacos de salmón a modo de sashimi. Acostumado ás escasas racións doutros xaponeses, sorprendeume a abundancia deste primeiro, ao que unicamente se lle pode reprochar o excesivo protagonismo do salmón, pero no podemos esquecer que se trataba dun menú do día de prezo máis reducido que os da carta. O salmón crú do sashimi estaba excesivamente frío.
O arroz, no seu punto, tiña máis protagonismo no niguiri que no maki, xa que os roliños levaban máis peixe que arroz.

O segundo prato, servido na típica caixa de madeira lacada, era como a comida diaria de tantos xaponeses: yakisoba (fideos con verduras e carne), tempura, pinchos de polo yakitori, solombo de porco con mel e algas verdes con sésamo. Unha ración que, sumada ao primeiro prato, non todo o mundo é capaz de rematar.
As carnes (polo yakitori e solombo con mel) estaban certamente moi conseguidas, se cadra o solombo algo feito de máis, cousa que resulta estraña nun xaponés.
O tempura, moi crocante, estaba composto por un langostino, espárragos verdes e pemento, tal vez cun excesivo protagonismo deste último, que se repetía no yakisoba.
O mellor, sen dúbida, as algas verdes con sésamo.
De sobremesa tomei so café, pero a oferta era o más decepcionante do menú, pois consistía en xelado, torta de queixo con arandos, mousse de chocolate ou limón, café, te… ou flan de sésamo negro.
O prezo, con bebida incluída (viño, cervexa, auga… ata sake ou sangría de cava) é de 16 euros. Haberá que probar máis detidamente a carta, pero o menú ofrece unha moi boa relación calidade-prezo.


