Esta fin de semana estiven no Valadouro e tiven oportunidade de coñecer as “patacas habaneras”, a variedade de que se cultivaba na zona antes da chegada das variedades selectas de alta produción, que mandaron ao baúl das lembranzas esta vella caste.

Pero unha familia da zona seguiu botando estas patacas por que as prefiren a calquera outra, así que a semente non se perdeu.

Da visita volvín coa caixa de patacas habaneras que se ve na foto, que me agasallaron para unha proba. E hoxe probeinas.

A carne das patacas é moi branca, dura e crocante. O seu sabor en cru lembroume o das castañas crúas acabadas de apañar, e ata teñen a mesma adstrinxencia que fai que a lingua se trabe na boca.

Despois de probalas crúas procedín a fritilas polo mesmo sistema que emprego sempre: en frixideira, con abundante aceite, previamente salgadas e a 170 grados de temperatura. Pareceume que tardaban en fritir algo máis que outras variedades (eu sempre uso Kennebec, se as hai, que son precisamente unha das variedades que substituíron ás habaneras e a única admitida pola denominación de orixe pataca de Galicia).

Pero fritiron, e moi ben, por certo.

Saber saben a patacas, non vaia pensar alguén que por ser habaneras saben a “pan con lechón”, pero resultaron unhas patacas fritas de libro: crocantes por fóra e brandiñas, ata manteigosas, por dentro. Había tempo que non comía unhas patacas fritas tan ben fritas.

Coas Kennebec, para conseguir o mesmo resultado, despois de deixar as patacas no aceite a 170 grados durante un minuto, baixo un pouco a temperatura, para que se fagan ben por dentro, e despois súboa ata 180 de novo para que se douren. Coas habaneras non foi preciso: 170 grados dende o principio ao fin.

A primeira proba foi moi satisfactoria, pero xa me avisaron de que é cocidas cando as patacas habaneras dan o mellor de si. Iso será cousa doutro día, igual mañá, que non sei o que vou aguantar sen poñer as miñas habaneras a cocer.