Nun principio foi a escuridade. Pero chegou o Diario del Gourmet de Provincias y del Perro Gastrónomo (DGPPG) e fíxose a luz coa convocatoria da I Xuntanza Galega de Blogogastrónomos, que se convoca para o mes de novembro, non sei onde nin cando, que iso habemos decidilo entre todos. Democracia asemblearia.

A xuntanza terá forma de papatoria, en restaurante de calidade recoñecida, e poderá participar calquera persoa que manteña un blog sobre gastronomía, ou que fale con frecuencia sobre o mesmo, ou ben que colabore en medios de comunicación sobre materias gastronómicas. As bases abren a posibilidade de que tamén participe quen, sen cumprir os requisitos anteriores, estea interesado en participar. Supoño eu que, no caso de admitir a algún baixo esta última condición, haberá que impoñerlle un castigo apropiado, como pagar os cafés ou manter a raia o índice de alcoholemia para levar o volante.

Para apuntarse hai dous sistemas: comentario no post de DGPPG en que se convoca a xuntanza ou por medio dun correo electrónico a gourmetdeprovincias@gmail.com

NOTAS Á MARXE: DGPPG é unha maneira de abreviar o nome do blog , pero nada ten que ver con partidos políticos nin direccións xerais.

A ilustración está tomada de DGPPG. Un cadro flamenco (cousas dos belgas), no que Carlos Núñez, (con barba) e Cristina Pato (con pucha verde) animan a xuntanza de blogogastrónomos. Os que reparten pratos de papas de arroz e filloas con mel son os que se apuntaron á xuntanza sen ter blog nin escribir sobre gastronomía. O máis preocupante da “foto” é comprobar como o viño é de garrafón.

Para máis información Diario del Gourmet de Provincias y del Perro Gastrónomo.