Mediado agosto tivo lugar a cuarta edición do Día do Mariscal, no que a asociación O Mundo de Galea, integrada por xentes de O Valadouro, Alfoz, Foz, Mondoñedo e Lourenzá, lembra a figura de Pedro Pardo de Cela aos pes mesmo do castelo do Castro, antano propiedade do Mariscal.

Arredor desta figura histórica o Mundo de Galea está a promover diversos eventos, que van dende a publicación de libros (este ano foi “A noite dos cabaleiros”, de Manuel Lourenzo, con ilustracións de Reimundo Patiño) ata a promoción da ruta do Mariscal (www.pardodecela.com). A gastronomía tamén ten cabida no Mundo de Galea, case diría que destacada, xa que os seus integrantes defínense a si mesmos como xente unida pola amizade, a figura do Mariscal e o gusto pola gastronomía.

Así que hai xa un tempo que de O Mundo de Galea saíu a idea do Antoxo do Mariscal, un biscoito de noces, con aromas de canela e augardente, que ten moitos partidarios pola zona… e algún detractor, que o considera demasiado seco.

O interese gastronómico do Mundo de Galea centrouse este ano na busca dun menú para o Día do Mariscal, que sempre se celebra o 14 de agosto, que xuntara algúns dos elementos que podían estar na cociña dos señores feudais de Galicia, pero adaptados aos modos actuais de comer.

Sobre a cociña medieval case non sabemos nada. O que nos presenta o cine (grandes asados de todo bicho vivinte) ten máis de fantasía que de realidade. No século XV o Marqués de Villena escrebe o seu libro “Arte cisoria” no que explica cómo se deben cortar os alimentos para presentalos nas mesas dos señores. Fala de carnes, peixes, mariscos, verduras, froitas e todo o que poidamos imaxinar, pero non explica como cortar eses grandes asados do cine, que parecen pertencer á imaxinación dos guionistas.

Os asistentes á comida do Día do Mariscal, na Finca Galea, puideron este ano degustar a cecina de cabalo, una animal presente nos montes galegos dende antes da nosa era e que, sen dúbida, nalgún momento debeu ter máis aproveitamento que o actual. Seguiulle un congro, curado como sería na época de Pardo de Cela, en que o sal e o sol eran ós únicos métodos de conservación do peixe. Cociñouse o congro cunha “salsa verde” de cebola, allo e perexil, xunto con chícharos e nabos, documentado como está o seu cultivo en Galicia dende tempos moi remotos. Despois chegou á mesa un dos grandes pratos da cociña da Mariña lucense: o pastelón, que xa aparece citado nos primeiros libros de cociña publicados en España.

Claro que non era un pastelón calquera. Hoxe na Mariña o máis común é o pastelón de bonito, inda que tamén se poden ver algúns de polo e ata de xamón e queixo, que tampouco son mancos.

Pero para o Menú do Mariscal o pastelón era de pichóns. Unha especialidade que tivo moita sona en toda a Mariña ata a segunda metade do século XX en que, pouco a pouco, desapareceu do panorama culinario. O mesmo Cunqueiro dicía preferir o pastelón de pichón a calquera outro, mesmo o de salmón, que cada ano probaba na casa parterna por convite do bispo de Mondoñedo.

Para rematar a comida, o xa citado Antoxo do Mariscal, mollado cunha copa de viño doce que fai desaparecer a súa sequidade, e acompañado dun espléndido requeixo, outro dos grandes mitos da cociña mariñán. Despois, os asistente puideron probar outra novidade: o “Beberaxe do señor da Frouseira”, un licor de loureiro macerado en barrica e preparado por unha socia do Mundo de Galea.

Todo un menú digno da mesa de Don Pedro.