April 24th, 2006Outra vez a coña dos cervexeiros
“Cerveceros de España” e as empresas demoscópicas que traballan para eles toman de coña aos consumidores de cervexa. Os xornais de mañá informarán de que os galegos prefiren tomar as cañas con Rodríguez Zapatero, Fraga, Rajoy, Touriño e Fernando Alonso, Raúl e Anxo Quintana, por ese orde. Os resultados saen dunha suposta enquisa realizada para ditos Cerveceros.
Pasado mañá os mesmos xornais informarán de que os galegos prefiren a cervexa (31%) para o aperitivo, seguido dos refrescos de cola (19%) e limón (9%) e o viño (7%). Non estou a traballar cunha bola de cristal, limítome a reproducir as porcentaxes publicadas hai un ano.
Entre as tapas máis destacadas estarán a tortilla, as olivas e a ensalada rusa, así como as patacas bravas e ali-oli, as gambas e outras delicias. Nin empanada, nin callos, nin polbo nin outras trangalladas.
Cada primavera a mesma enquisa ataca de novo. Digo a mesma porque os resultados repítense ano tras ano. Os xornais non preguntan cómo, onde, cando, a quen, de que maneira, se fixeron as enquisas, no caso de que se fixeran.
Coma o asunto non da para máis, convido a visitar os post sobre este tema publicados o ano pasado. Como supoño que Angelina Jolie non está agora para andar de viños, este ano case a vou cambiar por Mabel Rivera, que é o primeiro nome que me ven á cabeza, seguramente porque acabo de ler algo sobre ela no xornal.
Tamén hai algún dato sobre o consumo real de cervexa e viño en Galicia.
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico

