Naquel tempo as portas das casas da vila non se pechaban xamais, e chegouse ata o extremo de que cando chegou a necesidade de facelo non foi posible, xa que ninguén sabía onde andaba a chave. A confianza da xente era extrema.

-Ovidio, anda alguén na cociña, dixo ela que aínda non se durmira. Ovidio ergueuse da cama coma un tiro, sorprendido pola posibilidade de que algún intruso se metera na casa ao amparo da noite e atopouse na cociña con Andrés e Piruca, escachados coa risa.

De inmediato entrou Araceli na cociña e nun intre soubo que algo pasaba. Era inverno e do teito da cociña colgaban os chourizos, feitos de novo, postos a secar antes de metelos no pingo para conservalos.

Andrés e Piruca explicaron que acababan de saír do cine, o que explicaba a visita nocturna. Entón tiña que ser sábado, día no que a sesión de cine comezaba ás dez da noite, mentres os domingos a esa hora xa rematara a proxección.

Os dous matrimonios parrafearon un tempo na cociña, prepararon café ou quen sabe se tomaron un viño acompañado de algo de comer. Andrés non deixaba de salientar o bo aspecto que tiñan aqueles chourizos e lacóns colgados do teito e a fartura que supoñía ter unha provisión así na casa.

Cando marchou a visita, o primeiro que fixo Araceli foi recontar os chourizos que tiña guindados e puido comprobar como faltaba tres, que foran arrincados con presa, deixando a proba do feito nun anaco de tripa esgazado.

Ao día seguinte Andrés e o resto da pandilla foron na busca de Ovidio para convidalo a uns chourizos riquísimos que traían da casa, sempre que el pagara o viño. Comendo os chourizos na taberna do Fardo, Ovidio non deixaba de repetir “Hai ó, parecese ben o adobo destes chourizos ao que fai Araceli”, mentres pensaba nos lacóns que uns días antes guindara ao pe dos chourizos. Previsor, ataraos á viga cuns arames.