Se mondan y se echan á cocer en agua hirviendo para que suelten la cascarilla; escúrranse y dénselas unas vueltas en manteca con un poco de harina en una cacerola; mójense con caldo del puchero y añádase sal, pimienta y ajedrea picada. Algunos momentos después se ligan con yemas de huevo y un poco de azúcar, meneando todo vivamente, y se sirven.

Agenda culinaria para 1904. Libro de la compra con minutas y recetas para cada uno de los días del año. Por la Duquesa Laura. Librería editorial de Bailly-Bailliere e hijos. Madrid, 1904.

Durante algún tempo, La Taberna Cubana foi lugar de reunión dunha clientela fixa e reducida, que o tamaño do local non daba para máis aló de quince ou vinte clientes.Elma, unha habanera neta dun emigrante da parroquia Vilalbesa de Noche, era propietaria, camareira, experta en coctelería cubana e animadora do local onde se tomaban os mellores mojitos e daiquirís de todo Madrid, nun tempo en que na capital había unicamente tres ou catro locais cubanos: o Centro Cubano, reduto do peor do exilio, o modesto restaurante Zara, propiedade de antigos emigrantes españois sen relación con Amancio Ortega, supoño, outro restaurante ao pe do pazo dos deportes e cuxo nome non lembro, e La Taberna Cubana.

No Centro Cubano, aparte dun ambiente nada atraínte, facían o mojito con Bacardí, que sabe a auga da fonte ao rente do verdadeiros rons cubanos. Falar alí de Havana Club, o único ron cubano que por entón había en España (despois chegarían Liberación e outros) era citar ao diaño, pois consideraban que consumindo esta marca estábase a axudar activamente ao réxime castrista.

Na Taberna Cubana unicamente se despachaba Havana Club, por moito que Elma non fora menos anticastrista que os responsables do outro local. Pero na Taberna xamais se falaba de política nin se servían produtos de baixa calidade.

Dixen que os mojitos e os daiquirís de Elma eran os mellores de Madrid, pero tamén preparaba con mestría outros cócteles cubanos: negrito, cubanita, high ball, cuba libre (chamado cuba bella antes da Revolución)… e podianse tomar unhas espléndidas racións de pan con lechón, aporreado de tasajo, ropa vieja, picadillo, tamales… ¡Que delicia, so lembrar aqueles tempos!.

Outro dos cócteles da Taberna era o diabólico, unha creación da propia Elma, forzada polas circunstancias. O caso é que por entón o importador de Havana Club traía tamén de Cuba un licor chamado Diabólico Cubano e practicamente a taberneira se veu na obriga de mercar unha partida do mesmo.

Tratábase dun licor de canela, de pouca gradación (arredor de 22 grados), e tirando a doce, propio para chupitos. Pero Elma negábase a vender chupitos e correr o risco de que a Taberna se enchera de rapaces novos, que por entón causaban furor en Madrid este tipo de bebidas.

Así que despois de moitas probas, Elma deu coa fórmula do seu diabólico: nun vaso de mojito (é dicir, un vaso de tubo, pero máis curto que os habituais aquí) poñía unhas gotas de zume de limón, un chupito de ron Havana Club de tres anos, outro chupito do licor de canela que daba nome ao combinado, dúas ou tres pedras de xeo e zume de laranxa fresco ata encher o vaso.

Resultaba n cóctel delicioso, pero era o verdadeiro diaño. Entraba moi suave, pero o alto contido alcohólico facía que se subira rápido á cabeza, cousa que Elma sempre avisaba cando se pedía o segundo.

Algunha vez tomo un diabólico na casa. Non teño o licor orixinal cubano, que xa non se atopa. Pero din cun licor de canela que serve para o caso tendo coidado de poñer so unhas gotas, xa que o sabor a canela do mesmo é moito máis forte que o do orixinal Diabólico cubano.

Na foto, skrei asado sobre crema de chícharos á menta, receita que se pode atopar na web de Norge.

Un emigrante, un “nómada” que iso significa o seu nome noruegués, chega ás mesas galegas. Falo do skrei, o bacallau que cada ano se despraza da xeadas augas do mar de Barents ás que rodean as illas Lofoten, na costa de Noruega, para desovar.

O seu longo e penoso viaxe dálle á carne deste bacallau unhas características especiais de textura e tenrura. Un bacallau certamente celmoso que agora chega ás cociñas dun bo número de restaurantes galegos da man do Consello de Produtos do Mar de Noruega.

Tradicionalmente os noruegueses consumían o skrei cortado en toros e escalfado, acompañado dunha gornición de patacas e cenorias. Aparte cocían o fígado e a lingua do peixe, que compoñen un prato típico chamado Mölge.

As sucesivas campañas do skrei en diversos países europeos, aparte da propio Noruega, permitiron compoñer un amplo e rechamante receitario para este peixe de tempada, receitario que se pode atopar na web dos exportadores noruegueses de produtos do mar.

A terceira edición da Festa dos Callos Caseiro terá lugar en Covelo (Pontevedra) os días 18 e 19 de marzo, con venda de artigos caseiros e artesanía, e degustación de callos e orella na tarde do sábado e a mañá do domingo.

Nun comentario ao anterior artigo sobre a agulla, dinme que en Madrid so se atopa en conserva e que se trata de peixes pequenos. Efectivamente, a agulla enlatase en aceite, e trátase de pequenos exemplares que, imaxino, forman parte dese porcentaxe de inmaturos que se poden aproveitar cando aparecen a bordo dos pesqueiros, sen intención de capturalos. Buscando na rede so atopei referencias a Peña, así como ao fachendosos que se amosan os habitantes de Sandoval de la Reina, na provincia de Burgos, polo consumo que fan tanto de agulla fresca como en conserva. Incluso hai algunha receita que pode resultar interesante.

A talla mínima legal da agulla é de 25 centímetros, tanto no Cantábrico e noroeste como no Mediterráneo. Como moito, este peixe pode chegar aos 75 centímetros de longo e un peso algo inferior ao quilogramo.

Miro tamén na web de Pesca de Galicia e atopo a explicación a que non vexa esta especie nos mercados de Vigo, moi ben surtidos de peixe e, pola contra, miña cuñada me mande unha invitación a comer agulla en Castropol (Asturias) vía comentario.

Segundo os datos que saco desta web, no que vai de ano desembarcáronse en Galicia pouco máis de 13 toneladas de agulla, das que máis de 12,6 toneladas corresponden aos portos da Mariña de Lugo (Celeiro, Burela e Ribadeo). O prezo medio da agulla desembarcada este ano foi de 1,6 euros o quilogramo, polo que no mercado debe andar a moi bo prezo.

¡Que aproveite!

Foi no Raña, do que xa teño escrito por mor das súas estupendas tapas de riles, onde a comín a ultima vez en fresco. Falo da agulla, ese feo pero delicioso peixe, tan noso e tan ausente dos noso mercados.

Fun ao Raña comer, hai xa mais dun ano de entón, e entre os primeiros pratos ofrecéronnos agulla, pola que eu me decidín de inmediato.

Ha ter que agardar un pouco, dixo o camareiro, que a teñen que fritir. Eu quería agulla e non me importaba agardar.

Chegou a mesa un bo prato de peixe, acompañado de cachelos e ensalada de leituga, leituga raíña de maio, cultivada en Mondoñedo, un luxo de ensalada.

Abrir un toro de agulla, de carne moi branca sobre a que destacaban as espiñas verde esmeralda, devolveume a miña nenez. As espiñas verdes da agulla son certamente bonitas, verdadeiras xoias naturais.

Posiblemente eu levaba máis de vinte anos sen probar a deliciosa agulla. E non volvín dar con ela. De cando en vez paso polo mercado do Calvario, en Vigo, onde atopo unha espléndida variedade de peixe fresco.

Pero non hai agulla

Fran Alonso
En “Persianas, pedramol e outros nervios” (1992)

Hai momentos terribles en que todo
é magma incandescente, leite por fóra,
e ti un volcán en erupción, amor.
Proxéctaste nunha cazola fervendo e
salfíresme con eses nervios feitos
que che medran na calor da cociña.
Hai momento arrepiantes en que eu
son can acirrado, verme entolecido,
preso en ti cos ollos en vinagre, amor.
Estoupo, berro, brinco, choro, mordo,
e volvo converter a cociña
nese inferno mesto que é o noso designio.

El era un verdadeiro filósofo. Claro que se trataba dun filósofo de aldea, sen estudos e seguramente sen coller na man máis libro que o librito de Bambú, o papel para liar os pitillos. Inda que ben pensado, tamén é posible que nin sequera ese librito pasara polas súas mans, que non lembro telo visto xamais co charuto na boca, polo que ata é posible que non fumara.En calquera caso, el era un verdadeiro filósofo. Un deses filósofos de aldea capaces de atopar unha resposta lóxica e coherente ás meirandes dúbidas do ser humano. Era tamén capaz de poñer derriba da mesa grandes problemas, que deixaban pensativos aos seus compañeiros de andadas. “E logo, ¿barruza ou chove?” preguntoume nunha ocasión, sen poder eu darlle resposta certa, que me atopaba no interior dun local dende o que non podía apreciar a situación climatolóxica no exterior.

Unha das súas dúbidas fundamentais, que ninguén foi capaz de responder, polo menos que eu saiba, era a seguinte: “¿Quen foi antes, o millo ou o corvo”. Tampouco deu el nunca sinais de coñecer a resposta a tal problema, e de coñecela levou con el o segredo á cova.

Ademais de filósofo cargado de razón, era un experto catador. Descoñezo se algunha vez matou unha perdiz, unha lebre ou un coello, pero tampouco ten eso ningunha importancia, xa que aquí estamos a falar de cata e non de caza.

El cataba canto viño se lle poñía a tiro, e con tanta cata acababa sempre bébedo, inda que sempre sospeitei que ese era o seu estado natural. E claro, nos últimos tempos da ditadura, os borrachuzas sempre acababan metidos en problemas coa Garda Civil, á que el non demostraba moito respecto.

Vivía e bebía de tratar en cochos, que compraba e vendía polas feiras. Así que cando estaba bébedo e algún chistoso quería facer festa á súa conta, sempre lle dicían “Xusto, aí ven a parella”. Imperturbable, respondía “se é boa, cómproa”. Ata que chegou o momento en que deixou de tratar en cochos para dedicarse máis intensamente á cata. Entón, cando lle citaban a parella respondía “agora xa non trato”.

El foi un verdadeiro filósofo. De cando en vez chámolle a miña mai Mariceli, como el facía cando quería convencela de que lle puxera outro chato de viño. Miña mai sorrí. Era o Barruzo de Budián, un pequeno gran home. Un filósofo.

Mañá sábado, a localidade de San Cibrao, no concello de Cervo, celebra a Festa do Ourizo. Haberá marisco de balde para todos os que se acheguen alí despois de media tarde.Unha festa para satisfacer os apetitos dos afecionados da Mariña luguesa, e os moitos visitantes que se achegand ende outras zonas, especialmente Asturias.

Na foto, grelos producidos en Alacante por Agricola Villena. A mesma foto que publica o xornal.


Publica hoxe La Voz de Galicia un artigo sobre “la fugaz vida de los grelos” incluíndo a seguinte definición:

“Grelo. Es la hoja que brota antes de la floración, que es hasta cuando es comestible”. (non está na edición dixital do xornal)

Con ideas coma estas non é raro achegarse ao supermercado e atopar dúas cestas nas que se ofrecen grelos, nunha, e nabizas na outra. Os primeiros máis caros que as segundas, malia non ser eu capaz de atopar diferenzas entre ambos. Estou a falar dos supermercados da zona de Compostela, onde pensan o mesmo que a redactora de La Voz: que os grelos son follas do nabo.

E non hai tal. As follas do nabo son nabizas. Aparecen no outono. Son pequenas e moi tenras. Máis adiante, antes de florecer o nabo, aparecen novos brotes. A diferenza da nabiza, teñen unha especie de tallo, máis ou menos gordo, do que saen varias follas. Ese falso tallo coas súas follas é o grelo, que noutras zonas chamamos cimós ou cimos.

A graza do grelo está precisamente nese falso tallo. Cando eu moi gordo pélase e pártese ao medio, lonxitudinalmente, para que coza ben. Un bo grelo, con lacón ou no caldo, é gloria bendita.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura