Hai dous alimentos que os galegos (igual había que dicir que certos galegos) temos mitificados, como son as castañas e o millo. Se ben as primeiras levan entre nos moito máis tempo que o segundo, non deixa de ser ben certo que ambos viñeron de fóra, inda que por vías distintas e en tempos distantes.Hoxe imos falar do millo, provocado por algo que acabado de ver escrito e que me fai pensar nun erro involuntario ou unha metedura de pata enorme.
Un vello da miña familia, algo pedante ben é certo, aseguraba cheo de razón, e non había dios que o baixara dela, que as filloas que facemos agora nada tiñan que ver coas orixinais. Dicía el que as verdadeiras filloas facíanse con fariña milla, e non con fariña de trigo, descoñecendo como descoñecía, que as filloas están entre nos dende moito antes de que o millo chegara a Galicia. Incluso de antes do descubrimento de América. Naturalmente, a súa teima era perdoable aplicando aquel dito que indica que a ignorancia é atrevida.
Pero miren por onde, rebuscando en internet atopo a web dunha gran produción para televisión que se está a rodar agora por Galicia. A través da mesma coñeceremos a cociña galega, dende as orixes ata os nosos tempos. Todo ten un aspecto espléndido, e agardo que a serie responda ás expectativas que hai depositadas na mesma.
Pero chega un ao capítulo referido á Idade Media e le o que alí se di respecto da cociña medieval galega, da que practicamente non hai información verídica e, polo tanto, andamos máis a especular que a outra cousa. E dise que entón carne había pouca, polo que a dieta habitual dos campesiños galegos se compoñería de pan duro de trigo e millo.
Digo eu que o pan estaría duro unhas veces e brando cando se acababa de cocer, pero a dureza non deixa de ser un detalle escénico co que seguramente se queren deixar patentes as penurias da época.
Pero o do millo é moito dicir. Segundo os historiadores, chegou a Galicia a comezos do século XVII, máis dun século despois do remate da Idade Media. O seu uso popularizouse en Galicia no século XVIII, cando dito período histórico xa non era máis que unha lembranza nos libros de historia.
Claro que sempre se pode un acoller á teoría dos habitantes de Cogolludo, en Guadalajara, que ven mazarocas de millo esculpidas na pedra do pórtico do pazo que preside a súa praza maior e que foi construído antes da chegada do millo a España.
Xa non lembro se eu vin millo naquel pórtico… Ao mellor foi suxestión…
(NOTA: a web de Cogolludo vese mellor con Explorer que con Firefox)