Marzo 15th, 2006¿Millo medieval?
Hai dous alimentos que os galegos (igual había que dicir que certos galegos) temos mitificados, como son as castañas e o millo. Se ben as primeiras levan entre nos moito máis tempo que o segundo, non deixa de ser ben certo que ambos viñeron de fóra, inda que por vías distintas e en tempos distantes.Hoxe imos falar do millo, provocado por algo que acabado de ver escrito e que me fai pensar nun erro involuntario ou unha metedura de pata enorme.
Un vello da miña familia, algo pedante ben é certo, aseguraba cheo de razón, e non había dios que o baixara dela, que as filloas que facemos agora nada tiñan que ver coas orixinais. Dicía el que as verdadeiras filloas facíanse con fariña milla, e non con fariña de trigo, descoñecendo como descoñecía, que as filloas están entre nos dende moito antes de que o millo chegara a Galicia. Incluso de antes do descubrimento de América. Naturalmente, a súa teima era perdoable aplicando aquel dito que indica que a ignorancia é atrevida.
Pero miren por onde, rebuscando en internet atopo a web dunha gran produción para televisión que se está a rodar agora por Galicia. A través da mesma coñeceremos a cociña galega, dende as orixes ata os nosos tempos. Todo ten un aspecto espléndido, e agardo que a serie responda ás expectativas que hai depositadas na mesma.
Pero chega un ao capítulo referido á Idade Media e le o que alí se di respecto da cociña medieval galega, da que practicamente non hai información verídica e, polo tanto, andamos máis a especular que a outra cousa. E dise que entón carne había pouca, polo que a dieta habitual dos campesiños galegos se compoñería de pan duro de trigo e millo.
Digo eu que o pan estaría duro unhas veces e brando cando se acababa de cocer, pero a dureza non deixa de ser un detalle escénico co que seguramente se queren deixar patentes as penurias da época.
Pero o do millo é moito dicir. Segundo os historiadores, chegou a Galicia a comezos do século XVII, máis dun século despois do remate da Idade Media. O seu uso popularizouse en Galicia no século XVIII, cando dito período histórico xa non era máis que unha lembranza nos libros de historia.
Claro que sempre se pode un acoller á teoría dos habitantes de Cogolludo, en Guadalajara, que ven mazarocas de millo esculpidas na pedra do pórtico do pazo que preside a súa praza maior e que foi construído antes da chegada do millo a España.
Xa non lembro se eu vin millo naquel pórtico… Ao mellor foi suxestión…
(NOTA: a web de Cogolludo vese mellor con Explorer que con Firefox)
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico


15 Marzo 2006 a las 17:33
Ainda que hoxe en día non pertenece a Galicia, ao menos administrativamente, Tapia de Casariego, (que por entonces era parte do Concello de Castropol) foi testigo en 1604 da chegada do primeiro millo que veu de América, das maus de Gonzalo Méndez de Cancio Donlebún, militar tapiego, que foi gobernador e Capitán Xeral da Florida. Ainda se conservan as arcas donde se trouxo este millo, e podense ver en http://donlebun.com/Donlebun-citas.htm#maiz
16 Marzo 2006 a las 0:52
Deben de referirse ao mainzo, o cereal que habia antes ca o millo. Suponho.