Marzo 14th, 2006Agora as angulas
Primeiro o caviar. En xaneiro o Cites acordou prohibir o tráfico internacional de caviar procedente da pesca de esturións, deixando so a posibilidade do caviar de piscifactoría. A dieta habitual dos galegos viuse seriamente prexudicada.
Agora a Unión Europea ameaza con recortar as capturas de angula para evitar a súa desaparición. Outro problema para a nosa dieta e para o peto dos especuladores, que viven de sangrar ao consumidor e a quen pasa as frías noites de inverno ao pe do río.
La Voz de Galicia dedica hoxe unha interesante páxina a este problema, con entrevista incluída a un dos habituais pescadores de angula na desembocadura do río Ouro, na parroquia focega de Fazouro, onde hai anos pasei algunhas noites aprendendo en carne propia o duro que é esta pesca. Algunhas noites, tódalas angulas que conseguín sacar do río non chegaban á medio encher unha cunca de café pequena.
Resulta evidente que os señoritos terán que ir despedíndose deste manxar. Para o resto dos mortais sería moito mellor que en Galicia prosperase o sistema chinés: pagan ata 1.000 euros por quilo de angula viva para despois criala en viveiros e consumilas cando son anguías, cun peso que multiplica varias veces ao orixinal. ¿Coño, Galicia é unha potencia en acuicultura e non somos quen de botar este negocio a andar!
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico

