Mañá sábado a Cooperativa Vitivinícola de O Ribeiro recibirá un premio, outorgado polo Consello Galego de Cooperativas, que premia o traballo de recuperación do viño tostado na denominación de orixe.

Onte era o día marcado pola Cooperativa para sacar ao mercado este viño. Debía converterse nunha data histórica, xa que se recuperaba un viño desaparecido do mercado hai arredor dun século. O certo é que a data pasou sen pena nin gloria. Nin unha palabra sobre o acontecemento en ningún sitio, no caso de que houbera acontecemento. Parece que o tostado volveu desaparecer, vaia decepción.

O exquisito pan da capital de Bergantiños comercializarase baixo a marca “Pan de Carballo”, que vai rexistrar o propio concello a través da concellería de Turismo. Polas declaracións do concelleiro do ramo a Radio Voz, polo momento non pensan en dar o paso da indicación xeográfica protexida, coa que a Unión Europea respalda a calidade dos produtos alimentarios de calidade.

En Galicia so o pan de Cea dispón deste distintivo europeo.

Os indíxenas colombianos de Tierradentro (Cauca) están dispostos a competir co imperio das bebidas gasosas coa súa nova “Coca-sek”, un refresco de cor amarela que ten a particularidade de que na súa composición entran as follas de coca, o que parece totalmente legal.

Hoxe debeu saír aos mercados colombianos esta bebida que dificilmente terá éxito foras dos mercados locais.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura