As páxinas dos xornais están xa cheas de anuncios das ceas de Noiteboa e, fundamentalmente, fin de ano. Ofertas con nomes rimbombantes nos que o título de cada prato ocupa varias liñas para, finalmente, rematar cunha sobremesa amarga: o prezo da festa.Os coruñeses teñen este ano unha nova oferta, diferente de todo o habitual: sushi, sashimi, ensalada de lumbrigante cocido, tempura, pinchos de langostino e polo, magret de pato á prancha, foie á prancha. Despois unha sobremesa que non se especifica, café, viños das Rías Baixas e o inevitable Rioxa, cava catalán (ao carallo o boicot sen sentido)… todo por 53,45 euros.A oferta corresponden ao novo restaurante xaponés aberto no centro de ocio do porto da Coruña.

Persoalmente a oferta paréceme interesante, afeccionado como son ás cociñas do mundo e, de maneira moi especial, á xaponesa. Pero o anuncio chama a atención por dúas cuestións:

1. O menú comeza xaponés, pero semella rematar francés, ou polo menos afrancesado, con ese magret e foie á prancha. Non me parece mal, so me sorprende.

2. O prezo anunciado é de 49,95 euros (as rebaixas non comezan ata xaneiro) que se incrementará co correspondente 7% de ive, resultando os 53,45 euros por persoa. Non me parece moito, pero paréceme que iso de poñer os impostos aparte é tratar ao cliente como se fora parvo.

Non coñezo o xaponés do porto da Coruña, así que non poido recomendalo.