Antón Tovar

En Arredores (1962).- ¡Ai!, San Martiño
- ¡Ai!, San Martiño,
que anduvo na borralla
i emporcou o fuciño-.
Na festa dos magostos
do San Martiño,
cando a castaña estoura
e cata o viño,
-baixou do monte bébedo-
o santo vén a Ourense,
de vagariño,
pra alcender a alegría
como un meniño.
-Anduvo na borralla
i emporcou o fuciño-.
¡Ai!, San Martiño;
anda collendo leña,
soprando lumes no camiño
de Montealegre
a Ceboliño.
¡Ai!, San Martiño,
que despois de xantar
pan e touciño
baixou do monte bébedo
como un mociño.
¡Ai!, San Martiño,
que anda a bicar as mozas
como un homiño.
¡Ai!, San Martiño,
¡ai!, que ten unha noiva
no Ribeiriño.
¡Ai!, San Martiño,
que se deitou con ela…
¡Ai!, San Martiño,
que anduvo na borralla
i emporcou o fuciño.
¡Ai!, San Martiño
no día dos magostos,
cando a castaña estoura
e canta o viño,
i o fume na paisaxe
é sempre a capa
do San Martiño.

Un cociñeiro (asturiano) na televisión está a preparar unha caldeirada de bonito (marmitako en Euskadi) e, chegado o momento de cortar as patacas, anuncia que vai facer os cachelos

Así que colle as patacas peladas e ensina aos espectadores cómo escachalas, cortando un pouco co gume do coitelo e despois esgazando o anaco de pataca coa folla do mesmo. Este sistema de cortar as patacas é moi apropiado para as caldeiradas e guisos, cando queremos que o caldo dos mesmos espese un pouco. Pero non son cachelos.A verdade é que ultimamente estase a chamar “cachelos” a calquera tipo de pataca cocida. E isto sucede incluso en Galicia.

Para min os cachelos sempre foron patacas cortadas en dous anacos, sen pelar, e cocidas en auga con sal. Punto. Meu avó chamáballes, con moita retranca, “patacas de folgazáns”, polo traballo que na cociña aforraban en pelar as patacas. Tradicionalmente os galegos quitámoslle a pel a estas patacas antes de comelas, cando na meirande parte dos lugares en que se cocen con pel esta tamén se come.

Pero non é esta a única receita dos cachelos. Segundo o dicionario de Valladares, a finais do século XIX tamén se chamaban desta maneira as patacas cocidas que se comían con leite, receita que atopamos de novo no dicionario da Academia, que a comezos do século XX indica que esta é unha especialidade de Caldelas (¿Castro Caldelas?, ¿Caldelas de Tui?). O mesmo dicionario di que cachelos son anacos de patacas cocidas con sardiñas salgadas.

Como se ve, non todas as patacas cocidas son cachelos.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura