Para un país que produce grandes cantidades de patacas e da mellor calidade que se pode atopar, resulta curioso o difícil que resulta atopar patacas galegas nunha boa parte das redes comerciais que abastecen aos galegos, e dicir, nos supermercados existentes nas nosas vilas e cidades.
Onte tiven que mercar patacas, xa que rematei o último saco caseiro que me regalaron. Mirei en catro supermercados, dous deles cen por cen galegos, e non había patacas galegas. O que ofrecían procedía da Unión Europea, sen máis identificacións. Antes estas patacas viñan normalmente de Andalucía e Castela e León, despois, segundo as súas etiquetas, pasaron a vir do sur ou do centro. Agora veñen da UE, pode que de Polonia, e son malas a máis non poder.
Merquei onte patacas especiais para cocer e fixen con elas unha ensaladilla: “algo lle falta a esta ensaladilla”, dixo a miña muller, afeita a comela con patacas kennebec. Pola noite probei a fritir das mesmas patacas e tiven
que tiralas tal como saíron da tixola: eran incomibles.
Probei a fritir das especiais para este uso: era malas, sen máis.
E mentres en Galicia non e doado atopar no supermercado patacas galegas, cando vou a Madrid atópoas,perfectamente clasificadas e envasadas e co amparo da denominación de orixe , practicamente en calquera supermercado.
Xa pasa coas patacas o que sucede dende sempre co peixe ou o marisco, que o mellor acaba en Madrid, o mesmo que as mellores laranxas españolas véndense nos mercados alemáns. Ao prezo que sexa.
Tamén pode ser que os supermercados vendan intencionadamente o peor que hai no mercado. Probablmente o marxen comercial das patacas prefitidas e conxeladas sexan mellores que os da pataca fresca, que ademáis deixa resíduos de terra alí por onde vai.
O conto é que, tal como van as cousas, na zona de España que mellores patacas produce imos comer o peor de sabe deus que parte da Unión Europea. E todo iso sen queixarnos un chisco.





