Abril 9th, 2005Sardiñas en folla de parra
Paseaba co meu fillo polas corredoiras próximas á miña casa cando o rapaz reparou nas parras que rodeaban o camiño e, lembrando os seus froitos deliciosos, preguntou cando chegan as uvas. Andabamos por Pedrouzos, preto de onde un parente dos Tobío de Viveiro levantou no século XIX unha capela para depositar as reliquias de Santa Minia, que ten festa cada final de setembro. Unha festa que fai lembrar as San Lucas de Mondoñedo polo rito de comer o polbo no campo da festa e a enorme, ata diría desproporcionada, asistencia de público. Pedrouzos non ten máis que uns poucos centos de veciños, entre os que me conto, pero o 26 e 27 de cada mes de setembro xuntámonos ao pe da capela entre 20.000 e 30.000 persoas. Quén sabe cantos miles de quilogramos de polbo e churrasco se comen entón.
Mentres agardo que broten as parras para probar as sardiñas asadas nas súas follas, leo a receita da “asma yapraginda sardalya”, que traducido do turco significa sardiñas en folla de parra: escáldanse as follas de parra en auga fervendo, envólvense nas mesmas as sardiñas salgadas e untadas de aceite, e ásanse no forno. Antes de comelas, sácanse da folla de parra e ponse algo de zume de limón sobre cada sardiña. Da mesma maneira pero cunha herbas aromáticas e asadas na grella se cociña en Grecia: “psari sta klimatofilla” é o nome do prato.
Xa ven que cousas. Miles de quilómetros separan Galicia de Turquía e Grecia, pero as sardiñas asadas en folla de parra teñen presenza nos dous extremos do Mediterráneo.
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico






1 Junio 2009 a las 19:41
[…] ya en otra ocasión sobre la uva catalana que cada mes de septiembre compro en la romería de Santa Minia, y que crece en parras a pocos […]