Nesto de comer e beber os galegos somos abondo creídos. O noso é o mellor: as mellores patacas, o mellor peixe, as mellores verduras, a mellor carne, o mellor marisco, o mellor viño… O noso é o mellor, menos o viño tinto, que preferimos o Rioxa, anque sexa de pasto, sobre algúns tintos galegos ben notables.
Desta maneira, nos últimos tempos, estamos a ver como nos bares galegos empezan a proliferar billas de cervexa de marcas que nunca tiveron presenza nin aprecio na nosa terra, e que a golpe de talonario tentan abrirse sitio nun mercado en expansión. Os hostaleiros que tal fan amosan máis interese polo diñeiro fácil que por ofrecer ós seus clientes a mellor calidade, e en materia de cervexa a galega supera calquera outra marca española que eu coñeza (a son abondas) e non ten nada que envexarlle a moitas celebridades europeas.
Mágoa que en Galicia so exista unha marca propia de cervexa e estas liñas semellen pura publicidade. Mágoa que moitos hostaleiros galegos nunca escoitaran falar do concepto de excelencia.





